VISITA AO MUSEO MEIRANDE

Hoxe estivemos no Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, tamén chamado  Museo  Meirande. Está situado na enseada de San Simón, na coñecida "fábrica do alemán" ou conserveira Boyé.
Ten varias salas que fomos recorrendo cunha guía que, de forma moi didáctica, nos situou na época na que se desenvolveu a mítica Batalla de Rande, mentres observábamos, entre outras cousas, maquetas de galeóns dos dous bandos.
A historia conta que galeóns españois cargados co maior envío que se coñecía de tesouros procedentes de América e protexidos por navíos franceses ían rumbo a Cádiz pero ao enterarse de que alí estaban os ingleses e holandeses, naquel momento inimigos nosos, decidiron refuxiarse na ría de Vigo. Era o día 23 de setembro de 1702. Os ingleses e holandeses cando volvían a súa terra enteráronse da súa situación grazas a un barco de pesca portugués e decidiron atacar. Como eran moitos máis e ademais eran barcos de guerra non lles foi difícil loitar contra os barcos  españois. Os anglo-holandeses leváronse varios barcos apresados, entre eles un galeón español que suponse que estaba cargado cos moitos tesouros. Á súa saída da ría de Vigo, este galeón encallou ao paso polas Illas Cíes e afundiuse sen que ninguén conseguise ata agora localizalo.
A seguinte sala é a máis espectacular, porque recrea o interior dun barco, tanto a parte onde estaban situados os canóns coma a sala de navegación onde ía o capitán. Tamén en paneis virtuais falan os xenerais contrincantes na batalla e outros personaxes da época.
Noutra sala fixeron unha recreación da boega do barco. Nela hai unha réplica exacta dun lingote de prata e paneis expoñen as madeiras empregadas para os galeóns.
Outra sala é interactiva e os nenos e nenas puideron xogar facendo puzzles dos vestidos dese tempo ou elixir alimentos na ruleta de comidas.
Na última sala faláronnos dos pecios que hai aínda no fondo da ría de Vigo, dos cazatesouros, e tamén do escritor Xulio Verne que fixo que o capitán Nemo, o protagonista de “20.000 leguas de viaxe submarino” estivese co Nautilus collendo ouro procedente desta batalla. E os que quixeron probaron unha escafandra e unha bota de buzo antigo.


(Para recordar podesdes ver o vídeo e facer estas actividades)
 http://dl.dropboxusercontent.com/u/15148914/LIM%20SOBRE%20LENDA%20DE%20RANDE/edilim_gz/rande.html