VISITA AO XORNAL FARO DE VIGO

Este mércores pasado tamén visitamos as instalacións de Faro de Vigo e coñecemos de primeira man o funcionamento do diario decano da prensa nacional.
En Faro de Vigo traballan moitas persoas, pero non todas son xornalistas; moitos traballan na administración, na impresión ou na distribución.
Na redacción vimos algunhas persoas facendo o seu traballo, pero o normal é que o fagan polas tardes, aínda que o seu horario depende da actualidade. Aquí ensináronnos como maquetaban, que era un tema que nos interesaba moito.
Noutra sala faláronnos dos ingresos que teñen por publicidade. As tarifas de anuncios son moi diversas e aínda que nos preguntaron canto pensabamos que valía unha páxina impar a cor, quedamos moi lonxe do que custa realmente. Tamén nos falaron das distintas edicións territoriais, das delegacións coma a que temos en Tui e do xornal dixital.
Nun vídeo fixeron un repaso da súa historia: máis de 150 anos.
Despois fomos á rotativa que é a máquina para imprimir os xornais.
Antes parámonos na sala de pre-impresión, lugar onde reciben os arquivos electrónicos da redacción cos textos, fotografías, gráficos e publicidade. Alí fanse unhas pranchas (láminas de aluminio do tamaño dunha plana aberta) reproducindo as páxinas do xornal. Unha vez elaboradas móntanse na rotativa para imprimilas.
Unha rotativa mide case a altura equivalente a un edificio de catro pisos e pode imprimir 30.000 exemplares por hora. Os rolos de papel eran enormes. Pesan preto de 1.500 quilos e a súa lonxitude é de 20 quilómetros. Tamén nos ensinaron o sistema que teñen para movelos a pesares de ser tan grandes.
Unha vez rematada a impresión nos rolos, o papel vaise dobrando sobre si mesmo ata chegar á unha máquina que corta cada exemplar. Logo un sistema de pinzas recolle cada xornal e lévao a outras zonas para empezar a distribución.
Agora sabemos moitísimo máis sobre os diversos traballos necesarios para facer un xornal.
Non vos esquezades que a nosa visita sairá publicada o día 29 de abril!!!