A HORTA

O proxecto no que traballou o colexio durante todo o curso foi... "A horta ecolóxica".

Todo comezou cando Lúa, a mascota da biblioteca, reuniunos para mostrarnos un vídeo de como pasara o verán aprendendo a cultivar unha horta. Para que nós fixésemos o mesmo agasallounos con sementes e invitounos a descubrir a que plantas correspondía cada unha e a investigar sobre elas.

Nas clases de terceiro deseguido completamos o panel que nos entregou Lúa e empezamos a desenvolver o proxecto.

No primeiro trimestre, os nenos e nenas trouxeron botes, macetas e fixeron sementeiros. Á vez, buscaron información sobre diferentes plantas e despois de seleccionala, compartiron cos compañeiros/as o que consideraron máis importante. Parte desa información foi recompilada en libros e murais.

Tamén aprenderon duns grandes expertos: avós e avoas, que viñeron ao colexio e deron unha conferencia sobre os coidados da horta.
Chegou o momento de plantar. A terra foi sachada, fixéronse carteis para sinalizar os diferentes espazos, e, como era inverno, escolléronse plantas desa temporada: nabizas, nabicol, allos, fabas...



Durante o segundo trimestre e mentres as plantas medraban na horta, no colexio Lúa entregou a tódalas clases unha maceta moi especial coas sementes da planta da "paz" para facela crecer con boas accións ao longo dos meses que quedaban de curso.


No Entroido os nenos e nenas buscaron receitas onde poidesen ser usados os produtos da horta, visitaron un restaurante onde lles explicaron como utilizar eses produtos para facer comidas saudables e disfazáronse de cociñeiros/as.


Nestes meses, de cando en vez, quitaban as herbas e, nalgunha ocasión regaban, aínda que non demasiado, pois chovía a miúdo. Tamén colocaron canas para que as fabas poidesen medrar sen problemas.


A principios de abril as verduras foron recollidas para ser consumidas. Esta foi a receita escollida...

Todos e todas axudaron a preparala: lavaron a verdura, cortárona en anacos, picaron chourizo, bateron ovos... e unha vez cociñado todo, colocouse sobre pan torrado. Estaba delicioso!


No terceiro trimestre plantaron leitugas e seguiron coidando a súa parcela.

No mes de xuño recolleron os allos e as fabas e regaron tódolos días as leitugas, porque viñeron días de moito calor.


Cos produtos obtidos volveron ao comedor do colexio para cociñar. Fixeron dúas receitas: "Revolto de fabas sobre pan torrado" e "Tartarelas de fabas á vinagreta", que tiveron moito éxito entre os comensais. Coma sempre repartiron o traballo entre todos e todas.


Nos últimos días do curso, as leitugas xa estaban grandes e foron repartidas para levar ás casas e facer unha boa ensalada.

Nas portas das clases tamén medraron as plantas da "PAZ", así que rematamos o proxecto moi satisfeitos dos logros acadados.