VISITA DE PAULA CARBALLEIRA

Os nenos e as nenas da clase estiveron lendo o libro "Bruxa e familia" de Paula Carballeira, con ilustracións de Lucía Cobo.

Dende o primeiro momento, todos e todas estaban desexando coñecer aos membros desta familia tan especial. 

Capítulo a capítulo, as arañas Sétima e Catrovecesdúas, o caracol Prisciliano, a mosca Cornucopia, a escolopendra Pérfida, o rato Caruso, a curuxa Carmila, a toupa Altamira... etc, foron desfilando pola nosa aula e remataron converténdose en habituais das nosas conversacións.

O xoves pasado, a autora visitou o colexio para reunirse coas clases de 3º e 4º e contarlles o que había de realidade e de ficción na historia que escribiu. 

Despois de responder a infinidade de preguntas e, de adiantar en primicia, que seguramente haberá unha segunda parte, Paula contou un conto de moitísimo medo, a petición do público. 

Finalmente, firmou exemplares do libro cunha dedicatoria na que incluía a cada neno e a cada nena na familia de Onomástica, que é o verdadeiro nome da bruxa.