VIAXANDO POLA NOSA HISTORIA

Pola mañá, nun día chuvioso e con moita néboa, estivemos no Museo Arqueolóxico de Santa Trega que acolle nos seus fondos os obxectos que se foron encontrando nas excavacións realizadas no monte. As súas pezas repártense por varias etapas históricas que abarcan desde o Paleolítico ata a época romana. Hai picos, raspadores, muíños, cerámica, moedas, esvásticas, torques, espadas, útiles de uso doméstico, etc.
Tamén visitamos o castro, que está parcialmente reconstruído, con vivendas similares ás que habitaron os seus poboadores orixinais. É unha das construcións deste tipo máis importantes e mellor conservadas de Galicia.
Os nenos e nenas participaron nun obradoiro onde coñeceron como é o traballo da olería e o uso do torno lento e experimentaron como empregar diferentes técnicas decorativas no modelado de cuncas e vasos de barro.
Pola tarde, demos un salto no tempo e trasladámonos a Baiona, que foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do Descubrimento de América. O 1 de marzo de 1493 a Carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou nestas augas.
Primeiro visitamos o Museo Casa da Navegación, que contén documentos e pezas relacionadas coa historia da cidade, sobre todo referentes á navegación. Tamén destaca a réplica do Scarlet Knight, ou Carabela do século XXI, un pequeno submarino que cruzou por primeira vez o Atlántico sen tripulación.
Despois fomos ata a réplica da Carabela Pinta, que no seu interior alberga a reprodución de moitos elementos da época do descubrimento, o que nos permite contemplar o barco tal e como chegou a Baiona. Hai figuras que representan á tripulación e os indíxenas americanos, obxectos de metal, plantas, alimentos, animais exóticos... todo similar ao que se encontrou no novo mundo.