Hoxe estivemos no Centro de
Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, tamén chamado Museo
Meirande. Está situado na enseada de San
Simón, na coñecida "fábrica do alemán" ou conserveira
Boyé.
Ten varias salas que fomos recorrendo
cunha guía que, de forma moi didáctica, nos situou na época na que se
desenvolveu a mítica Batalla de Rande, mentres observábamos, entre outras
cousas, maquetas de galeóns dos dous bandos.
A historia conta que galeóns españois cargados co maior
envío que se coñecía de tesouros procedentes de América e protexidos por navíos
franceses ían rumbo a Cádiz pero ao enterarse de que alí estaban os
ingleses e holandeses, naquel momento
inimigos nosos, decidiron refuxiarse na ría de Vigo. Era o día 23 de setembro
de 1702. Os ingleses e holandeses cando
volvían a súa terra enteráronse da súa situación grazas a un barco de pesca
portugués e decidiron atacar. Como eran moitos máis e ademais eran barcos de
guerra non lles foi difícil loitar contra os barcos españois. Os anglo-holandeses leváronse varios barcos apresados, entre eles un galeón
español que suponse que estaba cargado cos moitos tesouros. Á súa saída da ría
de Vigo, este galeón encallou ao paso polas Illas Cíes e afundiuse sen que
ninguén conseguise ata agora localizalo.
A seguinte sala é a máis
espectacular, porque recrea o interior dun barco, tanto a parte onde estaban
situados os canóns coma a sala de navegación onde ía o capitán. Tamén en paneis virtuais falan
os xenerais contrincantes na batalla e outros personaxes da época.
Noutra sala fixeron unha recreación da boega
do barco. Nela hai unha réplica exacta dun lingote de prata e paneis expoñen as
madeiras empregadas para os galeóns.
Outra sala é interactiva e os nenos e nenas puideron
xogar facendo puzzles dos vestidos dese tempo ou elixir alimentos na ruleta de
comidas.
Na última sala faláronnos dos pecios
que hai aínda no fondo da ría de Vigo, dos cazatesouros, e tamén do escritor
Xulio Verne que fixo que o capitán Nemo,
o protagonista de “20.000 leguas de viaxe submarino” estivese co Nautilus
collendo ouro procedente desta batalla. E os que quixeron probaron unha escafandra e unha bota de buzo antigo.
(Para recordar podesdes ver o vídeo e facer estas actividades)