Mostrando entradas con la etiqueta ACTIVIDADES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ACTIVIDADES. Mostrar todas las entradas

NOVOS ENSAIOS 💃🕺

Este foi un día moi especial para as clases de cuarto porque recibimos de novo a visita de Miguel Abreu.

Con paciencia e alegría, Miguel foi ensinando novos pasos para os bailes que estamos aprendendo e corrixindo as posturas.

Con cada xiro e cada movemento, os nenos e nenas danse conta de que con práctica e entusiasmo, poden mellorar moito. 

E xa se notan algúns avances!

Agora están moi emocionados por seguir aprendendo e ver ata onde poden chegar.  


DÍA MUNDIAL DO CANCRO INFANTIL

O 15 de febreiro celébrase o Día Mundial do Cancro Infantil. 

O noso colexio participou no “PanoChallenge”, unha actividade para concienciar da situación pola que pasan os nenos/as con cancro e da importancia que ten ser solidario. 

Tódolos nenos e nenas da clase deseñaron o seu propio pano e escribiron unha carta para animar e apoiar aos que padecen esta enfermidade. 


PRIMEIROS ENSAIOS DE BAILES DE SALÓN 💃🕺

Empezamos a ensaiar coa axuda de Miguel Abreu, que nos está guiando nesta aventura chea de ritmo, coordinación e traballo en equipo.

Bailar é divertido, pero tamén é TODO UN RETO.

Aprender a moverse ao ritmo da música, coordinarse coa parella e manter unha boa postura require práctica e paciencia.

 E NON É FÁCIL !

Queremos compartir con todos vós un resume dos nosos primeiros ensaios. Neles poderedes ver como empezamos a practicar os pasos básicos do valse, o pasodoble e o cha-cha-chá. Grazas Miguel pola túa axuda!





MACHISMO GAME OVER

Participamos nun obradoiro de igualdade no que, a través da metáfora dun videoxogo, fóronse revisando diferentes roles sexistas. O noso alumnado para avanzar nos niveis de xogo tiña que ir detectando estereotipos de xénero tanto na linguaxe como nas condutas, propoñendo solucións prácticas para xerar un cambio real nas nosas vidas e así acabar colectivamente co machismo. O obxectivo final era poder afirmar conxuntamente: Machismo Game Over!


DESCUBRE QUE SON OS BAILES DE SALÓN

Xa sabedes que os nenos e nenas de cuarto de primaria tiñan que buscar información sobre os bailes de salón, e, ao facelo, convertéronse en verdadeiros expertos/as no tema.

Durante a súa investigación, descubriron que os bailes de salón son un tipo de danza onde dúas persoas bailan xuntas seguindo pasos moi elegantes e divertidos.

Imaxinádesvos movéndovos ao ritmo da música coma se estivésedes a flotar no aire? Iso é o que se sinte ao ver aos/as bailaríns/inas de salón!

Como xa saben moitas cousas, gravaron e compartiron un vídeo con todas as clases do colexio porque querían que todos/as coñecesen o especial que é bailar e descubrisen que os bailes de salón aportan moitos beneficios.

O vídeo está cheo de información interesante e algunha sorpresa. Non só explican que son os bailes de salón e os seus diferentes estilos, senón que tamén hai algo moi especial: varios fragmentos de bailes realizados por bailaríns/inas profesionais.

Nestas escenas, poderedes ver como se moven os expertos en estilos como o valse, a samba ou o tango. Os movementos dos/as bailaríns /nas son elegantes, precisos e cheos de emoción. Isto axuda a que todos/as entendamos mellor como son os pasos e que fai único a cada estilo de baile.

Ademais, complementaron estas escenas coas súas propias explicacións e demostracións. Non as perdades!!!

E lembrade, despois de velo, que podedes elixir o voso estilo favorito e tentar practicalo na vosa casa. Será o valse, o pasodobre,  ou tal vez o cha-cha-chá?

O mellor de todo é… que se queredes aprender; só necesitades ganas de divertirvos e pasalo ben.

Premede enriba da imaxe para ver

 o vídeo completo na páxina web do noso colexio.


Ese mesmo día, os nenos e nenas contaron coa axuda dun invitado moi especial: Miguel Abreu, un profesor de baile deportivo con moita experiencia.. Tamén é entrenador da Federación Española de Baile Deportivo e xuíz internacional en competicións. 

Este profesor non só explicou como son os diferentes tipos de bailes de salón e que os fan tan especiais, senón que tamén fixo unha demostración impresionante. Foi unha oportunidade única para aprender directamente dun experto !

Ademais viña acompañado dunha parella de alumnos da súa escola de baile. 

Neste vídeo inclúense fragmentos desta demostración.. Todos e todas os que tivemos a sorte de velos en directo, puidemos entender mellor os pasos básicos de cada estilo e o divertido que pode ser tentalo.




TALLER DE AUTOESTIMA

Conducido por Paula, que é psicológa, tivemos un taller de autoestima para que os nenos e nenas da clase aprendan a recoñecer as súas calidades e a valorarse, fortalecendo a súa confianza e descubrindo que cada un ten algo especial que achegar. Unha oportunidade para crecer e aprender a quererse a un mesmo.


CAMPO A TRAVÉS

Participamos nunha carreira de "Campo a Través" no Rosal. Alí atopámonos con moitísimos nenos e nenas doutros colexios de Tui, Tomiño, O Rosal e Gondomar. 

Correr en carreiras non só é divertido, tamén é moi bo para o noso corpo e a nosa mente! 

Estes son algúns dos beneficios:

1. Correr fai que os nosos músculos e ósos se poñan fortes. Ademais, ao correr en diferentes terreos, o noso corpo vólvese máis áxil e afaise a moverse mellor.

2. Cando corremos, o corazón traballa máis. Un corazón forte axúdanos a estar sans e a ter moita enerxía para xogar!

3. Nas carreiras, podemos falar con nenos e nenas doutros colexios, facer novos amigos e compartir con eles momentos divertidos.

4. Correr competindo é un reto, e aínda que ás veces pode ser canso, ensínanos a non rendernos. Este esforzo fainos sentir orgullosos de nós mesmos, e esa é unha gran recompensa!

5. Pasamos tempo na natureza, pois as carreiras de campo a través adoitan facerse en lugares bonitos, rodeados de árbores e plantas. Isto permítenos gozar do aire fresco, escoitar os sons da natureza e desconectarnos das pantallas.

Participar nestas actividades é unha forma xenial de divertirnos e de coidar de nós mesmos!


VISITA MUSICAL

Recibimos a visita do director da banda de música de Tui, acompañado de varios dos seus músicos, e déronnos un pequeno concerto.


DÍA DAS BIBLIOTECAS

Celebramos o Día das Bibliotecas lendo na nosa biblioteca "Cando Leo".

A través deste libro, descubrimos que a lectura é como unha porta máxica que nos permite vivir mil aventuras e alcanzar o IMPOSIBLE. 

Cada vez que nos mergullámonos nas páxinas dun libro, o mundo transfórmase e todo pode suceder. 

Eva Mejuto, coas súas palabras cheas de emoción, e Bea Gregores, con preciosas ilustracións, crearon unha obra que celebra o poder da lectura para facernos soñar, explorar e ver o mundo dunha maneira completamente nova.

Despois, con calma, desfrutando do momento, expresamos con palabras ou debuxos o que nos fixo sentir.


CARREIRA DE CAMPO A TRAVÉS

Participamos, xunto a moitos colexios da zona, na competición de campo a través en horario lectivo, que este ano se celebrou en Salceda de Caselas.

 

FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Ademais de cantar cos nosos afillados de tres anos, esta foi a nosa actuación no festival "O Son do 2"


FAI CLIC AO TEU BOCATA

No colexio seguimos participando no proxecto da Xunta “Aliméntate ben” encamiñado a traballar a alimentación saudable.

“Fai clic ao teu bocata” é unha das modalidades deste proxecto coa que se pretende dar a coñecer as múltiples virtudes das conservas do mar.

A semana pasada asistimos no salón de actos a un obradoiro onde nos recordaron o importante que é incluír o consumo de peixes na nosa dieta e que as conservas feitas con produtos do mar é unha maneira sinxela de obter os mesmos beneficios.

Ademais cada neno e cada nena elixiu os ingredientes para facer un bocadillo e levou un gorro de “chef” e un mandil para poder seguir practicando na súa casa receitas saudables.


TI SI QUE ES UN BO PEIXE

Este venres asistimos a un novo taller de “Ti si que es un bo peixe” do programa “Aliméntate ben”, que está incluído no Plan Proxecta+ da Consellería de Educación.

O obxectivo é que os nenos e as nenas coñezan os beneficios que aporta na súa dieta o consumo dos produtos frescos do mar e tamén conciencialos sobre a importancia de coidar os recursos mariños que temos en Galicia.


 AQUí podes consultar as fichas dos diversos produtos do mar dos que nos falaron.

E se queredes probalos, AQUÍ tedes unhas apetitosas receitas para poder cociñalos.

CONCERTO DE BRAIS DAS HORTAS

 Brais das Hortas estivo no colexio cantando as súas cancións e escoitándoo pasámolo moi ben.

E aínda foi máis divertido cando nos puxemos a bailar. Recordades?

LECTURAS COMPARTIDAS

Cada martes seguimos compartindo un tempo de lectura cos nenos e nenas da clase de tres anos.


NOVO PROGRAMA DE RADIO

Pronto poderedes escoitar a un grupo de nenos e nenas da clase, xa feitos todos uns profesionais, nun novo programa da radio para conmemorar o Día das Letras Galegas. Non volo perdades! Aprenderedes unha morea de cousas sobre Francisco Rodríguez del Riego de forma moi divertida. 

CONSERVACIÓN DA NATUREZA

Hoxe visitounos un garda civil do SEPRONA e faloUnos do seu traballo, que consiste en  protexer a natureza e o medio ambiente. 

Contounos, ademais, algunhas cousas moi preocupantes, como que somos, xunto co Norte de Portugal, a zona de Europa que ten máis incendios forestais. 

Deunos consellos para que entre todos poidamos cambiar esta situación. e colaboremos xunto ás nosas familias na protección dos bosques, evitando imprudencias con consecuencias moi graves.

Tampouco se esqueceu de recordarnos que unha mascota non pode ser un capricho, polo que se a temos, somos os responsables do seu coidado e non podemos abandonala.



DÍA DA TERRA

Hoxe celébrase o Día da Terra, unha data marcada pola ONU, co obxectivo de concienciar a todos e todas sobre a necesidade de coidar  e protexer o noso planeta. 


No noso centro escollemos esta efémerides para sumarnos ao programa Recreos Residuos Cero impulsado por "Teachers for future Spain".

Os nenos e nenas da nosa clase foron os encargados de explicar a todo o colexio como podemos colaborar cada un de nós e as razóns de por que debemos facelo.  


Aquí tedes algunhas imaxes do paso dalgúns deles polas distintas aulas.

Este cartel resume perfectamente o que querían comunicar.

A partir do luns intentaremos reducir o lixo que xeramos no recreo, que é moitísimo. Durante estes días outro grupo de nenos e nenas da clase estiveron recollendo residuos no patio para que empecemos este reto con el máis limpo.


Estes son algúns exemplos de alimentos saudables que podemos elixir para tomar na hora do recreo. E tamén dos envases que podemos usar para transportalos.


"Queremos que todo isto sexa un proceso de mellora colectivo e compartido, como comunidade que somos. A unión fai a forza, e que hai máis importante que a nosa saúde e a do medio ambiente no que vivimos. O futuro está nas nosas mans".

(Fragmento da carta mandada a tódalas familias)


IMPRESORA 3D

Hoxe explicáronnos como funciona una impresora 3D. Con ela pódese facer calquera obxecto con volume, aínda que previamente hai que deseñalo cun programa de ordenador. Foi moi interesante ver en directo como traballaba !



LECTURAS COMPARTIDAS

Unha semana máis compartimos lecturas cos nosos/as afillados/as de tres anos. Pero esta vez, como o calorciño da primavera xa se nota, saímos fóra da clase e buscamos a sombriña do ximnasio.