Os sucesos do pasado pódense representar de forma ordenada nunha liña do tempo.
Os nenos e as nenas da clase fixeron o mesmo que os historiadores/as, é dicir, buscaron documentos, escritos ou non, sobre o pasado.
Neste caso o pasado era a propia vida, a historia persoal de cada un.
Seleccionar momentos importantes que desexaran compartir, buscar fotografías ou facer debuxos, escoitar o que contan os familiares ou amigos, buscar algún obxecto que trae recordos especiais... todo iso son as fontes históricas da nosa vida.
Todos e todas foron escoitados polos seus compañeiros/as con moita atención.
Despois de que cada un fixese a súa exposición, houbo un tempo para falar, para comentar, para preguntar, para compartir anécdotas, para mirar polo miúdo todos os traballos...
A actividade serviu tamén para coñecernos mellor e reforzar a cohesión de grupo.