APRENDENDO A APRENDER: A NUTRICIÓN

A nutrición é a función vital pola cal o noso corpo obtén os nutrientes e o osíxeno que necesita para vivir. Para que isto sexa posible, TRABALLAN XUNTOS VARIOS APARELLOS.

Na nosa clase para entender as diferentes fases deste proceso, os nenos e nenas dividíronse en grupos e cada un deles investigou sobre un aparello diferente, buscou imaxes dos distintos órganos e preparou unha presentación de diapositivas na que incluían consellos para coidalos.

Ademais fixeron maquetas de plastilina para representalos! 🎨👐 Foi un reto moi divertido! Usaron plastilina de moitas cores para modelar os órganos principais de cada aparello.

Cando todas as presentacións e as maquetas estiveron listas, cada grupo presentou o seu traballo ao resto da clase e explicaron como funciona cada aparello e por que son tan importantes para o noso corpo.

Ademais, expuxeron as maquetas nun recuncho da aula para que todos/as puidesen velas.

Aprender é máis divertido cando se usan as mans!



Esta actividade ensinou que non só se aprende lendo ou escoitando, senón tamén creando e experimentando. Facer maquetas axudou a entender mellor como é o noso corpo por dentro e a lembrar mellor a información. Ademais, traballaron en equipo, compartiron ideas e divertíronse. 😊