FIN DA CONTA ATRÁS

No colexio tódolos días aparecía un cartel que anunciaba que faltaban sete, seis , cinco.... días, pero non sabíamos a que se referían. Isto tiña aos nenos e nenas moi intrigados/as.  



O mércores rematou a misteriosa conta atrás e na clase recibimos unha chave. A cambio tivemos que entregar os resultados da investigación sobre as tellas que nos pedira Lúa.

A chave tiña unha mensaxe....
que nos levou á fonte do xardín.

Alí atopamos un sobre con outra mensaxe que mandaba ir ao invernadoiro; dentro había outro sobre para nós, e tivemos que ir  onde nos mandaba.

Fomos percorrendo diversos lugares do colexio buscando  novas pistas (secretaría, patio de recreo, casiña de barro, etc.) ata que o último sobre dirixiunos de novo á fonte do xardín onde estaba esperándonos a clase de 2ºC coas pezas de tella que tiñan eles. 

Xuntámolas coas nosas e descubrimos que encaixaban perfectamente e formaban unha tella enteira. Comprendimos entón o obxectivo do xogo no que estabamos participando. As dúas clases quedaban unidas para traballar xuntas no proxecto deste ano, un proxecto no que o máis importante será o traballo cooperativo que ademais ten un fin solidario: COAS NOSAS MANS O TEU SORRISO.


Despois, un representante de cada clase levou a selar a tella e todos xuntos trasladámola á biblioteca, onde estaba Lúa en persoa esperando para contarnos que imos facer este curso.


Tamén entregounos un pergamino cunha carta onde explica os motivos que a levaron a pedirnos axuda para desenvolver o proxecto e repartiu as mochilas viaxeiras con libros e "pelis" para toda a familia.