VISITA A NATURNOVA

Estas son as fotos da nosa visita a Naturnova.


Naturnova é un Centro Interactivo de Educación Ambiental que ten coma principal obxectivo impulsar o coñecemento do mundo que nos rodea, co fin de que aprendamos a valoralo e respectalo.
A  través de módulos interactivos permite explorar moitos e variados temas dunha forma activa e lúdica. A información preséntase mediante imaxes virtuais, obxectos, olores, recreación de ambientes, mapas... Todo iso axuda a descubrir doadamente o noso mundo dende o global, ata o máis próximo a nós.
O percorrido comeza cunha visión do Universo, a nosa galaxia e o sistema solar; despois introdúcenos no noso planeta para ensinar todos os elementos que condicionan a vida (o chan, a auga, o aire) e tamén aos seres vivos cos que compartimos o noso espazo; finaliza coa relación do home e o seu medio: como utiliza os recursos, como afecta ao ámbito ao usalos, e como, actualmente, trata de solucionar os problemas que lle creou.
A actividade máis divertida para os nenos e nenas foi un paseo nun submarino moi especial. Trátase dun simulador que realiza unha viaxe virtual ao fondo da ría. Nunha pantalla e no chan, pódense ver imaxes reais do fondo da ría que son o resumo do vídeo "Baixo ás ondas das rías" premiado en Antibes (o certame de vídeo submarino máis importante do mundo).